Friday 03 de May de 2024

Gran éxito de público da exhibición da Patrulla Acrobática de Paracaidismo do Exército do Aire para conmemorar o 850 aniversario de Noia


Gran número de familias contemplaron as distintas exposicións e exhibicións das entidades participantes

Máis dun milleiro de persoas acudiron ao paseo marítimo de Noia para desfrutaren das distintas actividades programadas co gallo do “Salto Conmemorativo 850 Aniversario”, que culminou cunha exhibición de paracaidismo a cargo da Patrulla Acrobática de Paracaidismo do Exército do Aire (PAPEA). Entre as 11:00 e as 14:00 horas, o paseo marítimo noiés foi un constante ir e vir de familias polos distintos stands e exhibicións programadas neste evento organizado polo de Vixilancia Aérea número 10 (EVA 10), en colaboración co Concello de Noia.

Aínda que os distintos postos e vehículos dispostos na explanada de Labarta estaban a disposición do público dende primeira hora da mañá, foi a aterraxe do helicóptero da Garda Civil o que marcou tanto o inicio (ás 11:00 horas) como o final da actividade (14:00 horas). Un despegue seguido por centos de persoas e que encantou aos máis pequenos, debido á forte corrente de aire que desprazaba o helicóptero e que obrigou a agarrar a máis dun meniño e a perseguir algún que outro sombreiro voadizo.

Exposición

Na explanada de Labarta houbo unha zona de exposición das distintas entidades participantes no evento: o Escuadrón de Vixilancia Aérea número 10 (EVA 10), o Tercio Norte de Infantería de Mariña, Garda Civil (tanto de Tráfico como Xudicial), Policía Local de Noia, Bombeiros de Boiro, Protección Civil de Noia, Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Noia e Cruz Vermella de Noia.

O lugar estaba ocupado por ducias de vehículos: ambulancias, motos de Policía Local e Garda Civil de Tráfico, embarcacións da Cruz Vermella e do Exército, vehículos de bombeiros e protección civil… que fixeron as delicias dos máis pequenos, e de algún máis grandeiro, que non deixaron de subir a eles e de facerse fotos. A Cruz Vermella de Noia montou un hospital de campaña na que os pequenos podían ver como se atenden aos enfermos e mesmo simular ser eles os enfermos e ver como funcionan os medidores de tensión e demais aparellos.

Pola súa banda, dende a AVPC de Noia realizaron un simulacro de reanimación cun desfibrilador dun motorista accidentado e repartiron trampas para capturar avespas velutinas, dentro da campaña que está realizando o Concello de Noia. Así mesmo, no posto do EVA 10, ademais dos traxes de campaña e diverso material (camións, tendas e embarcación de salvamento) aproveitaron para recoller solicitudes para a xura de bandeira de persoal civil.

Exhibicións

A primeira das exhibicións correu a cargo dos Bombeiros de Boiro, que fixeron un simulacro de excarceración dun condutor nun Mercedes accidentado. Un simulacro tanto de rotura de fiestras, parabrisas, porta e mesmo corta da carrocería do vehículo para amosar as distintas formas de poder entrar segundo a posición na que estivera o accidentado.

Tomou o relevo o Tercio Norte de Infantería de Mariña, cunha exhibición canina de 45 minutos nos que unha ducia de nenos e nenas participaron nas distintas probas ás que se someteron os animais. Os equipos cinolóxicos da Infantería de Mariña fixeron demostracións de detección de estupefacientes colocados en maletas, vasos e mesmo nalgún dos colaboradores. Os cans acertaron en todas as ocasións, sinalando o obxectivo sentando ao seu carón xa que, como explicaron dende o Tercio, é importante que o animal non toque o material, especialmente cando se trata de explosivos.

Así mesmo, aproveitaron para desterrar algunhas lendas urbanas sobre estes cans, como o de que están drogados para así localizar a droga ou que son criados a partir dunhas razas especiais. Varios dos cans que participaron na exhibición de Noia procedían de canceiras e a detección é froito do seu adestramento, cuxo premio é o xoguete que lle entrega o adestrador cada vez que acerta.

Recepción oficial e saltos

O acto culminou coa exhibición da PAPEA, que tivo a sorte de contar cun clima excepcional, sen vento e cunha xornada soleada, xa que as condicións do venres imposibilitarían o salto. Ás 13:00 horas, un T-12 comezou a sobrevoar o paseo marítimo. Tras lanzar unha baliza para que os saltadores puideran medir o vento, fixeron un primeiro salto de precisión, nos que un dos saltadores levaba unha bandeira conmemorativa do 850 aniversario da vila.

Acto seguido, saltaron outros catro paracaidistas, que fixeron distintas acrobacias. A máis espectacular e máis aplaudida polo público foi a denominada “espello”, cando dous deles se puxeron un arriba e o outro boca abaixo. Unha vez en terra, o equipo foi saudado polas distintas autoridades presentes no acto.

Un acto presidido polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e o comandante do EVA 10, Juan José Váquez Moreira. Así mesmo, tamén asistiron o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán; o xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; o xeneral da Brigada Aerotransportada de Figueirido, Antonio Romero Losada; e o delegado do Ministerio de Defensa en Galicia, Juan Carlos Sancha Orduña.

Tamén asistiron o senador José Luís Torres Colomer e os alcaldes de Porto do Son, Luís Oujo; Boiro, Juan José Dieste; Ribeira, Manuel Ruíz; e Outes, Beatriz Molinos; así como o tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, e concelleiros tanto do Concello de Noia como do resto da comarca.